Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
CO 100% ESCRUTADO

Ampla vitoria do PP en Galiza, que logra máis do 50% dos votos

Os conservadores soben case tres puntos con respecto a 2004. O PSOE cae dous (34,25%) e o BNG tres (9,40%). A participación foi similar á de 2004 (47,28%).

Redacción - 23:00 07/06/2009

O Partido Popular obtivo un claro triunfo en Galiza nas eleccións europeas deste domingo. Se tomamos como referencia os últimos comicios europeos, e á espera dos votos do exterior, os conservadores soben practicamente tres puntos porcentuais e acadan o 50,67% dos sufraxios (551.806 votos). Aínda que a nivel do Estado Español os conservadores son a forza máis votada, no noso país a porcentaxe de votos para o PP é case oito puntos maior cá media estatal.

O Partido Socialista cae dous puntos en Galiza con respecto a 2004. Os socialistas obteñen 372.866 votos (baixan case 44 mil) e un 34,25% dos votos válidos.

Pola súa parte, o Bloque Nacionalista Galego obtén algo máis de 102.326 votos (9,40% dos sufraxios válidos). Con respecto a 2004, o BNG perde perto de 40 mil votos e 2,9 puntos porcentuais.

Esquerda Unida mantense como cuarta forza máis votada en Galiza con 14.700 votos (1,35%). Porén, UpyD obtén 14.019 sufraxios (1,29%) e convértese na quinta forza máis votada no país.

Iniciativa Internacionalista, candidatura na que figuraban dirixentes da Frente Popular Galega, é a sétima forza máis votada no país con 3.373 votos (0,31%); xusto por diante, con 4.400 votos (0,40%) están Os Verdes que logran a sexta posición en Galiza.

En total, votaron perto de 1,1 millóns de galegos (47,28%), unha décima porcentual máis ca en 2004.

19.55 horas A participación dos galegos nas Europeas é similar á de 2004

Moi pouco animados estiveron este domingo os colexios electorais galegos. Porén, aínda que pola mañá a participación era dous puntos menor a de hai cinco anos, as primeiras horas da tarde trouxeron un repunte de electores. Segundo os datos oficiais das 18 horas, no país acudiran a votar un 35,36% dos electores, unha cifra practicamente idéntica á rexistrada en 2004 á mesma hora: 35,33%.

17h00: Avance de participación

A participación dos cidadáns e cidadás galegas nas eleccións ao Parlamento europeo, ás 14h00 deste domingo foi do 22,12%, un 2,21% menos que nos comicios desenvolvidos en 2004, segundo os datos oficiais do primeiro avance confirmados polo Ministerio do Interior.

O primeiro avance difundido hai cinco anos á mesma hora indicaba unha participación do 24,35% dos electores galegos. A participación en Galiza é 2,14 puntos inferior á rexistrada no resto do Estado.

11h15: Europa vota
Os cidadáns e cidadás do Estado Español escollen este domingo 50 eurodeputados, dos 736 que hai na Eurocámara, en aplicación do Tratado de Niza. Mais esta cifra ampliarase até 54, se se aproba en toda a UE o Tratado de Lisboa. Polo tanto, os catro candidatos que queden ás portas de ser elixidos, conseguirán un seu escano máis tarde, cando termine o proceso de ratificación que, por outro lado, está un bocado estancado.

Tras a xornada de reflexión deste sábado, o domingo vótase no Estado Español, onde se presentan 35 listas diferentes, e nelas máis de dous mil candidatos. Porén, no Reino Unido e nos Países Baixos os cidadáns xa acudiron ás urnas, e os italianos, checos, eslovacos, letóns, malteses e chipriotas votan este sábado.

En Galiza están chamados a votar 2,6 millóns de persoas
Por todo o país, en máis de 2.500 colexios electorais, hai situadas unhas 4.150 mesas, que foron constituídas ás 09h00 da mañá, e que están a funcionar ao cento por cento, sen incidencias. En Pontevedra, ademais, hai 1.336 mesas que nestes comicios experimentarán o sistema de reconto electrónico do voto, xunto coas cidades de Lleida (Cataluña) e Salamanca (Castela e León).

Nestas eleccións votarán un total de 6.368 galegos e galegas máis que nas do pasado 1 de marzo, as galegas. Trátase de mozos e mozas que acadaron a maioría de idade nestes tres meses. Porén, Galiza perdeu, nos últimos dous meses, 973 electores.

Deste xeito, este domingo están chamados a acudir ás urnas un total de 2.310.542 galegos e galegas residentes no país. A esta cifra hai que sumarlle os 337.338, dos que 1.981 son novos electores. Ademais, poderán emitir a súa papeleta en Galiza un total de 7.212 cidadáns e cidadás doutros países da Unión Europea que residen neste país.


2/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: