Amplo triunfo conservador en Polonia e tamén vitoria da dereita en Bulgaria.
Os socialistas do PASOK impuxéronse en Grecia, co 36,18% dos votos, aos conservadores, actualmente no goberno liderado polo primeiro ministro Costas Caramanlis, que colleitaron o 34% dos votos, pronunciado descenso respecto ás cifras da anterior cita coas urnas. Con estes números, ambos os dous partidos conseguen o mesmo número de escanos, oito cada un. Conseguen tamén representación os comunistas, a estrema dereita e a esquerda do Syriza.
A oposición socialdemócrata tamén venceu en Dinamarca, malia que sentará na Eurocámara tres eurodeputados, os mesmos que os liberais, actualmente no goberno. Conservadores e Verdes obtiveron dous escanos cada un.
En Polonia, a Platforma Obywatelska apañou o 45,3% dos votos e sentará no grupo do Partido Popular Europeo un total de 24 eurodeputados que compartirán banco cos 4 obtidos neste mesmo país polo PSL. O resto repártenos o Pawo i Sprawiedliwość, 16 escanos, (integrado na UEN) e os socialistas da SLD-UP, 6 asentos.
Os socialistas saen como forza máis votada en Suecia, colleitando 5 escanos, por 4 do centrodereita gobernante. Destaca ademais que os ecoloxistas dobran porcentaxe de voto e obteñen 2 escanos e que o Partido Pirata terá asento no Parlamento Europeo.
En Finlandia, o partido do primeiro ministro Matti Vanhanen colleitou 3 escanos, os mesmos que os seus socios conservadores. Consegue tamén asento a Liga Verde.