O líder nacionalista considera que, a pesar da caída, se conseguiu o obxectivo de ter voz en Europa.
O líder do BNG, Guillerme Vázquez, recoñeceu que os resultados son “pouco positivos cuantitativamente” para a formación nacionalista. Porén, o pontevedrés salientou que o “principal obxectivo” (a presenza na Eurocámara da coalición Europa dos Pobos) conseguiuse. Vázquez prometeu seguir traballando no futuro “para obter mellores resultados”.
Dende o BNG relacionaron a forte caída electoral (perto de 40 mil votos) ao tempo que houbo que dedicar para solucionar os problemas internos. Vázquez tamén acusou a PP e PSOE de facer todo o posíbel para restarlle protagonismo á campaña: “Nese contexto movémonos e superamos os 100 mil votos, un 9,5%”
Así, subliñou que o BNG conseguiu a “porcentaxe maior da coalición” Europa dos Pobos, aínda que o número de votos é menos, para o que hai que ter en conta que a poboación catalana é notabelmente superior á galega. Os nacionalistas calculan que dentro de 18 meses tomarán posesión do escano en Bruxelas.
A candidata, Ana Miranda, asegurou que estaba “emocionada” polo feito de que o BNG volva a ter voz en Europa logo de cinco anos. Miranda sinalou que en poucos días estará xa a traballar en Bruxelas, á espera da súa quenda para a toma de posesión.