Socialistas e nacionalistas pactan un novo goberno de coalición fronte a un mandato do PPdeG en minoría.
Este mércores ao mediodía está convocada na casa da cultura de Porto do Son a moción de censura presentada polo PSdeG e o BNG contra o goberno local, do PPdeG. O rexedor saínte, Manuel Tomé, chegara á alcaldía despois da falta de acordo entre as dúas forzas promotoras da moción.
Nas eleccións de 2007, oO PPdeG fora, por primeira vez, a forza máis votada no municipio. Os seus seis concelleiros gobernaron até agora en minoría, fronte a cinco edís do PSdeG, catro do BNG e dous independentes de cadansúa formación política.
A pesar do pacto asinado entre o PSdeG e o BNG para impulsar gobernos de coalición nos concellos onde fose posíbel, os edís sonenses do BNG negáranse a apoiar o candidato socialista. Ramón Quintáns, que xa fora alcalde nos anteriores tres mandatos (o primeiro deles co apoio e posterior ruptura do BNG), e acusado pola oposición de fomentar a "desfeita urbanística".
Nestes últimos anos, a única exixencia dos nacionalistas para formar goberno cos socialistas era que descartasen o seu candidato e propuxesen outro. Esa condición xa se deu: o novo alcalde será o número dous da lista do PSdeG, Pastor Rodríguez, que fora concelleiro de cultura no anterior mandato. O alcalde encargarase, ademais, da área de Urbanismo, mentres que a tenente de alcalde, a nacionalista Ánxela Franco, levará Obras. Así mesmo, o BNG terá maioría na comisión de goberno.
O caso de Porto do Son é atípico de entre todas as mocións de censura que se produciron dende 2007 en Galiza, por ser a única que vai sacar do poder o Partido Popular e por non implicar transfuguismo nin cambios de alianzas.
Dende a dirección do PPdeG aseguraron que a moción de censura agocha escuros motivos e que o anterior alcalde, Ramón Quintáns, seguirá gobernando dende a sombra e acusou os concelleiros do BNG de "cómplices" e de "vendidos". Pola súa banda, o PSdeG e o BNG xustifican a moción de censura pola "inoperancia" do goberno do PPdeG e anunciaron que as súas primeiras medidas serán negociar uns novos orzamentos municipais e as obras do novo Plan E.