Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
A concreción das condicións ralentiza o acordo global

Haberá pacto PSdeG-BNG en todos os concellos posíbeis

As executivas de socialistas e nacionalistas impoñerán o acordo ás súas agrupacións locais, co obxectivo de apartar o PPdeG do bastón de mando.

Redacción / EP - 10:00 02/06/2007

Un dos primeiros obstáculos na negociación está sendo a definición das orientacións programáticas comúns para os gobernos locais. Tanto socialistas como nacionalistas coinciden na necesidade de que o pacto xeral marque liñas concretas que axuden a "visualizar" que o cambio que botou a andar a nivel da Xunta é posíbel no contorno local.

Malia iso, desde o BNG propoñen o estabelecemento de obxectivos máis específicos, mentres desde o PSdeG apostan por un esquema de programa máis xeral. Así por exemplo, o borrador dos nacionalistas refírese ao impulso de políticas urbanísticas, sociais, de emprego e ao estímulo do uso do galego. Un punto onde chocan as posicións das dúas formacións políticas é o papel das deputacións, xa que desde o Bloque propoñen aproveitar para recortarlle poder a estas institucións en favor dunha descentralización cara aos concellos, punto no que non están de acordo os socialistas.

Os dous grupos coinciden en que malia as diverxencias haberá acordo en breve e din estar seguros de que non haberá problema para que sexa asumido en todos os municipios onde o pacto entre as dúas formacións é posíbel. Así, concellos coma O Carballiño, Vimianzo, Boiro, Chantada ou Foz, onde os tirapuxas entre as dúas candidaturas teñen amosado dúbidas sobre a posibilidade do pacto, recibirán orde de espremer as negociacións e en ningún caso permitiren un goberno do PPdeG.

De xeito concreto, o PSdeG agarda controlar 30 alcaldías onde saiu das urnas como a lista con máis votos malia non ter maioría absoluta, e até 27 alcaldías onde a socialista foi a segunda candidatura máis votada e un pacto co Bloque lle concedería o acceso ao bastón de mando. Polo seu lado, o BNG conseguiría sentar alcaldes en 9 concellos onde foi o maís votado aínda que sen absoluta, e noutros 11 onde é segunda forza e o acordo cos socialistas garantiría a suma de goberno.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: