Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A produtora galega négao

Filmax podería ter "dificultades" para devolver un préstamo de 40 millóns

Representantes dunha compañía de crédito estadounidense puxéronse en contacto con avogados españois para analizar a situación.

F. A. - 18:10 25/06/2008

Unha compañía inversora e de préstamos estadounidense púxose en contacto cun bufete de avogados español (Garrigues) para analizar os posíbeis problemas que Filmax podería ter para o pagamento dunha débeda contraída con esta sociedade.

A produtora e distribuidora audiovisual, propiedade do fonsagradino Xullo Fernández, segundo a axencia de noticias Reuters, comunicoulle á empresa norteamericana as posíbeis dificultades de Filmax á hora de devolver os intereses dun préstamo de 40 millóns de euros.

Porén, fontes da produtora galega consultadas por Vieiros matizaron esta información. A débeda existe, sinalan, mais é consecuencia dun novo investimento de Filmax noutros eidos da produción, alén da audiovisual. É o caso de espectáculos musicais como Grease, ou doutros traballos centrados na dixitalización e masterización, que enmarcan nunha estratexia de "diversificación" do negocio.

"A situación financeira é boa"

En todo caso, estas mesmas fontes afirman que a débeda -que ascende a "25 millóns de dólares" (perto de 16 millóns de euros)- non quere dicir que a empresa pase por un mal momento económico. "A situación financeira é boa, mais precisamos de grandes investimentos", destacan.

No entanto, recoñecen que "a pirataría está a provocar perdas". "Parece que agora o goberno lle vai meter man ao tema", din, ao tempo que valoran positivamente as medidas que pretende aplicar o goberno de Nicolás Sarkozy en Francia. Mais, insisten en que "o éxito das producións de debuxos animados deixa ás claras que (a empresa) vai ben".

300 traballadores despedidos en 2007

Xullo Fernandez, presidente de Filmax, recoñecía o pasado 9 de xuño na mesa redonda Os efectos da pirataría no sector audiovisual, organizada en Madrid, que a empresa tivera que despedir 300 traballadores en 2007 por causa da pirataría.

Segundo apunta Reuters, a produtora -que está participada polos gobernos galego e catalán- ten contraída unha débeda bancaria de entre 150 e 200 millóns de euros. Porén, dende Filmax rebaixan esta cifra a "non máis de 140 millóns". Preguntados pola posibilidade de que haxa máis despedimentos, din que non se contemplan.


4,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: