Cronoloxía dunha loita
13 de novembro. O petroleiro Prestige, cargado con 77.000 toneladas de fuel, segundo cifras oficiais, sufre unha vía de auga a 28 millas do Cabo Fisterra e navega á deriva.
16-17 de novembro. O fuel chega á costa galega, contaminando 150 quilómetros de litoral. Camariñas, Corme, Laxe, Baldaio, Malpica, Roncudo e Cabo Touriñán son as zonas máis afectadas polo verquido. Mentres, Manuel Fraga e os conselleiros de Medio Ambiente e Obras Públicas, Carlos del Álamo e Xosé Cuiña, estaban de cacería en Aranjuez.
19 de novembro. O Prestige parte en dous e logo afúndese a unhas 133 millas das illas Cíes (ver imaxe).
21 de novembro. Fraga, por primeira vez, vai á zona afectada e anuncia unha dotación de 60 millóns de euros para limpar o litoral.
23 de novembro. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa convoca unha concentración na Illa de Arousa para demandarlle á Xunta máis medios de protección. Comeza a chegada masiva de voluntarios (ver imaxe).
24 de novembro. O PSdeG anuncia unha moción de censura pola mala xestión do Goberno. O BNG pide a demisión de Fraga.
25 de novembro. Constitúese en Compostela a Plataforma contra a Burla Negra, un colectivo de xente da cultura que pretende esixir responsabilidades políticas e demandar máis medidas de seguridade. Máis tarde integraríase en Nunca Máis.
26 de novembro. A Plataforma contra a Burla Negra péchase na Casa de Cultura de Laxe.
27 de novembro. Uxía Senlle e Manuel Rivas presentan no Centro Galego de Madrid a Plataforma Nunca Máis e chaman á cidadanía a manifestarse o 1 de decembro.
28 de novembro. Máis de 3.000 persoas maniféstanse en Muxía, convocadas pola Burla Negra.
30 de novembro. Chega ás costas a segunda marea negra e o presidente da Xunta, Manuel Fraga, participa nunha xornadas gastronómicas en Guimaraes, onde louva o bacallao portugués.
1 de decembro. Multitudinaria manifestación en Compostela, a máis concorrida da historia do país, con máis de 200.000 persoas berrando 'Nunca Máis'. Le o manifesto no Obradoiro Manuel Rivas (ver imaxe).
3-4 de decembro. Unha flota de barcos bateeiros da Arousa impiden a entrada do fuel na ría con aparellos de pesca. Imaxes heroicas para a historia. Menres, Rajoy cualifica o verquido de "pequenos fiíños con aspecto de plastilina".
6 de decembro. Marea Gaiteira en Compostela convocada pola plataforma contra a Burla Negra: preto de 20.000 persoas (ver imaxe).
8 de decembro. Un milleiro de persoas piden a demisión de Fraga ás portas do seu chalé en Perbes (concello de Miño), convocadas por Nunca Máis. O poeta Manuel María le o manifesto.
11 de decembro. Nunca Máis saca de novo aos cidadáns á rúa: 150.000 persoas en Vigo; 40.000 en Pontevedra; 15.000 manifestantes en Compostela; outros tantos en Ourense; 5.000 persoas na Coruña; tamén saen á rúa en Lugo, Ferrol, Vilagarcía, Viveiro, Ribadeo, Vilalba, Carballo, Ribadavia, O Carballiño...
12 de decembro. Debate das mocións de censura presentadas polo PSOE e o BNG contra o equipo de goberno de Fraga, con maioría absoluta no Parlamento de Galicia.
13 de decembro. Consello da UE en Copenhague. Os Quince só ofrecen cinco millóns de euros adicionais, ademais dos fondos xa destinados a España. Tampouco se adopta ningunha medida en materia de seguridade marítima. Aznar amósase satisfeito.
14 de decembro. Jose María Aznar visita Galiza por sorpresa e por primeira vez e faino en tres horas e rodeado dun forte dispositivo policial. Máis dun milleiro de manifestantes berran 'Demisión!' nas proximidades da Torre de Control Marítimo da Coruña. Carga policial sobre eles.
15 de decembro. Agora chega Álvarez Cascos, ministro de Fomento. Mentres, unhas 12.000 persoas maniféstanse en Barcelona convocadas pola Plataforma Nunca Máis de Catalunya.
16 de decembro. Felipe de Borbón visita as Rías Baixas, xunto con Fraga e López Veiga. A comitiva recibe apupos e insultos aló por onde pasou: Portonovo, Aguiño e Ons.
17 de decembro. Os patróns maiores do Grove, Cangas, Francisco Iglesias e Pablo Villar, respectivamente, inician unha folga de fame para reclamar medios cos que combater a marea negra. Súmase á protesta o patrón da Pobra, Manuel Maneiro. Duros enfrontamentos entre manifestantes e policía con resultado de varias persoas feridas durante a visita do príncipe a Vigo.
18 de decembro. George W. Bush di 'Nunca Máis'. Manifestación na Coruña por mor dun paro xeral no ensino. Carga policial con varios feridos, algúns deles xornalistas.
19 de decembro. Unhas 100.000 persoas maniféstanse en Madrid para esixir responsabilidades políticas. As protestas repítense en varias cidades: Córdoba, Cádiz, Albacete...
20 de decembro. Unha cadea humana de 6.000 persoas rodea a Muralla de Lugo en protesta pola catástrofe. No Parlamento galego celébrase a sesión máis crispada do que vai de lexislatura. O PP e os partidos da oposición cruzan todo tipo de descualificacións.
21 de decembro. 30.000 persoas saen á rúa para pedir demisións, logo de celebrárense peches en varios concellos da comarca.
22 de decembro. Os patróns maiores das Rías Baixas suspenden a folga de fame logo de negociar co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alejandro Millán Mon. No Grove, hai unha concentración de apoio aos folguistas.
23 de decembro. Cuíña, Cascos e Fraga inauguran en Silleda un tramo de autoestrada Santiago-Ourense. A policía impide que se lles acheguen un cento de persoas con pancartas de Nunca Máis.
26 de decembro. Fraga pídelle a Aznar en Madrid apoio para poder retirarse con "dignidade".
27 de decembro. Nunca Máis e Burla Negra convocan un apagón de cinco minutos ás dez da noite, para protestar pola "cegueira" das autoridades. Acompañan o acto na rede máis de 200 webs en todo o Estado, a iniciativa dos diarios electrónicos Vieiros e Vilaweb.
28 de decembro. 10.000 persoas participan na praia do Orzán (A Coruña) nun simbólico Velorio do Mar, convocado por Burla Negra e Nunca Máis (ver imaxe). Morre Man, o alemán de Camelle.
6 de xaneiro. Burla Negra convoca en Vigo unha manifestación lúdica na que toman parte unhas 100.000 persoas, acompañadas dos Reis Magos do Chapapote (ver imaxe).
15 de xaneiro. A Cadena Ser desvela que unha empresa da familia de Cuíña, Gallega de Suministros Industriales, vendeulle material para limpar o fuel á Xunta e a Tragsa.
16 de xaneiro. Demite Xosé Cuíña presionado por Fraga.
18 de xaneiro. Fraga dá a coñecer a composición do seu novo goberno post-Prestige.
21 de xaneiro. Canto de Autor por Galicia' no Multiúsos do Sar. Unhas 6.000 persoas aclaman a Pablo Milanés, Pedro Guerra, Paco Ibáñez, Fausto, Méndez Ferrín e Manolo Rivas, entre outros.
22 de xaneiro. O colectivo de mestres Area Negra (integrados en Nunca Máis) desprega unha cadea humana de 50.000 alumnos entre as localidades de Laxe e Muxía (ver imaxe). Ao mesmo tempo, ducias de colexios que non puideron estar alí por mor da falta de ómnibus, apoiaron aos seus compañeiros unindo as súas mans en cidades e vilas de todo o país.
24 de xaneiro. Consello de Ministros no Concello da Coruña, no que Aznar presenta o 'Plan Galicia'.
Unhas 5.000 persoas maniféstanse nas proximidades de María Pita, convocadas por Nunca Máis.
26 de xaneiro. Convención municipal do PP en Santiago, con presencia de Aznar e de manifestantes nas proximidades do Pazo de Congresos. A plataforma Nunca Máis recibe en Bilbao o premio Sabino Arana pola súa actuación ante a catástrofe.
28 de xaneiro. Nunca Máis interpuxo no Xulgado de Corcubión, en exercicio do dereito constitucional á acción popular, unha querela criminal contra os responsables dos danos causados pola catástrofe: as persoas vinculadas á propiedade, explotación e goberno da embarcación: a empresa Mare Shipping Inc., propietaria do buque, a empresa Universe Maritiam Ltd., armadora e Apostolos Mangouras, o capitán, e aquelas outras que, desde a Administración, constituídos en gabinete de crise, decidiron o seu destino desde o momento do sinistro: Arsenio Fernández de Mesa, delegado do Goberno en Galicia, Ángel de Real Abella, Capitán Marítmo da Coruña e José Luis López Sors, director xeral da Marina Mercante.
29-30 de xaneiro. Visita de varios representantes de Nunca Máis a Bruxelas, onde mantiveron entrevistas con máis dunha ducia de eurodeputados para tratar de abrir unha comisión de investigación do 'caso Prestige' no Parlamento da UE (ver imaxe).
1 de febreiro. Concertos expansivos en 130 locais do país, organizado pola Burla Negra. Caceiroladas en Vigo, Pontevedra, Ferrol e outras vilas (ver imaxe).
5 de febreiro. Visita da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo a Galiza. Reunión con Nunca Máis en Fisterra, ademais de coa Xunta, cos voluntarios, cos mariñeiros e coas ONGs.
9 de febreiro. Manifestación na Coruña (ver imaxe).
14 de febreiro. Concentración en Pontevedra convocada por Burla Negra.
23 de febreiro. Histórica manifestación en Madrid. Preto dun millón de persoas reclaman polas rúas da capital do Estado responsabilidades políticas e demisións pola crise do Prestige (ver imaxe).
|
 |
 |

Noticias
Descarga o video da Plataforma Nunca Máis para chamar á mobilización deste domingo
NM Lugo fixo un chamamento á mobilización este domingo porque o problema ainda persiste
Comparecencia íntegra de Felipe Louzán na comisión de investigación do Prestige
Comparecencia íntegra dos tres sindicatos na Comisión de Investigación do Parlamento
Nunca Máis reclama que as axudas económicas ao sector sirvan para resarcir danos futuros
Comparecencia da economista María do Carme García Negro na comisión de investigación do Prestige
Comparecencia íntegra de Pablo Villar na comisión de investigación
Comparecencia íntegra de Federico Vilas na Comisión do Prestige
 |
 |