Carlos Palomino foi a última vítima mortal da súa  violencia. Matouno -presuntamente- un neonazi, militar profesional para máis  datos, en Madrid. Pero houbo máis desde entón. O xoves pola noite un mozo das  Juventudes Comunistas foi acoitelado en Cáceres tamén -presuntamente- por outro  ultra. Sorprende este dato: desde o ano 1992, 76 persoas morreron pola violencia  da extrema dereita no Estado español.
	
	Os obxectivos son variados: inmigrantes  (non os alemáns ou británicos que viven pracidamente no Levante español, non, os  que veñen da miseria), negros, homosexuais, seguidores da Real Sociedad,  militantes de esquerda, sen teito... En fin, distintos; xentes que están en  situacións de debilidade ou que foxen do pensamento unidireccional destas  organizacións que semellan estar ben relacionadas internacionalmente, e  que non parecen preocupar demasiado nos eidos policiais.
76 asasinados pola violencia ultra desde mediados  dos noventa son bastantes máis que as víctimas que causou ETA desde entón. Mais  para a AVT non merecen unha manifestación, nin sequera un comunicado, porque  Francisco José Alcaraz sabe ben que denunciar a violencia extremista de dereitas  non lle dá votos ao partido que el quixera que gobernara. Tampouco o ministro  español do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, semella conmovido. Ninguén quere  investigar como se financian estes grupos -que lograron ducias de concellais nas  últimas eleccións municipais especialmente en Valencia, Catalunya, Madrid e  Estremadura-, que nexos teñen con organizacións internacionais poderosas, e a  Xustiza semella ser benévola con eles, porque ninguén os ilegaliza.
  
 Un nazi deixa tetrapléxico a un congoleño en Madrid  e o presunto autor da malleira está libre. Un mozo vasco quiema un caixeiro e  enfróntase a varios anos de prisión. De todos é sabido que un caixeiro  automático vasco vale máis que a vida dun desgrazado congoleño, verdade señores  xuices da Audiencia Nacional? A violencia de extrema dereita comeza a aniñar no  Estado español, pero a Policía reprime as manifestacións de denuncia: o sábado  foi en Madrid e uns días antes en Barcelona. Algúns articulistas equiparan o  antifascismo cos fascistas de novo cuño que mataron a 76 persoas, desde Lucrecia  ata Carlos. Para Blanco Valdés, por exemplo, un racista é igual que un  anarquista, aínda que o primeiro meta medo nas rúas e o segundo só se manifeste  para denunciar as agresións do primeiro.
  
 Os neonazis están aquí, e comezan a copiar  comportamentos coñecidos desde hai anos en Hungría, Alemaña ou Rusia. Pero  ninguén fai nada. Ningún xornal abre as súas edicións coa noticia do asasinato  dun mozo de esquerdas por parte dun neonazi, a pesar de ser claramente un crime  ideolóxico. Non embargantes, os xornais madrileños abren un día si e outro tamén  falando de organizacións que hai meses que non cometen ningún asasinato. Os  medios calan, a Policía non investiga e os siareiros de Ynestrillas pasean  tranquilos por varias cidades españolas. As nosas señorías o que lles interesa é  se hai bandeiras ou non nos concellos. Calma. Nunca pasa  nada.