Nun claro aviso a navegantes, seu presidente, Fernández Ordóñez, urxe ás entidades a que cheguen a acordos en breve e reparte paus a directivos e gobernos autonómicos.
O presidente do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, deu este mércores un golpe enriba da mesa para que non se dilaten máis os procesos de fusións entre caixas. Nunha súa intervención en Valencia subliñou que “hai unha minoría de caixas que están atrasando os procesos de integración, ben polos seus propios intereses ou pola interferencia dos gobernos das súas comunidades autónomas”. A referencia a Galiza, que mantén un conflito co goberno español pola Lei de Caixas, era máis que evidente.
A receita do pau veu a continuación, Fernández Ordóñez deixou claro que o Banco de España pode intervir unha caixa se ve problemas serios de solvencia. Case nun xogo de malabares, tirou da linguaxe politicamente correcta combinada con serias advertencias: "É verdade que esas entidades agora son aínda viábeis, mais deben saber que, así que o deixen de ser, o Parlamento dotou ao Banco de España de instrumentos de abondo para que máis aló do que pensen as asembleas desas caixas e os gobernos autonómicos, esas entidades sexan intervidas e posteriormente liquidadas ou vendidas na forma que prevé o FROB".
"Isto significa a apertura de expediente aos conselleiros e demais órganos de goberno das caixas, e unha redución moito máis traumática do emprego e dos servizos financeiros na súa rexión que a que se produciría no caso de acometer procesos ordenados de integración, e todo iso independentemente do aumento do custo para o contribuínte español, do que sen dúbida eles serán responsábeis", subliñou Ordóñez no seu discurso.