Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Emilio Grandío, profesor de Historia Contemporánea

"En Galiza non houbo Guerra Civil, só represión"

O 'VII Encontro de Investigadores sobre franquismo' analizou as peculiaridades do franquismo en Galiza.

Europa Press - 12:25 12/11/2009

O profesor titular do departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Emilio Grandío, chamou este mércores a atención sobre as peculiaridades coas que se viviu o franquismo en Galiza, onde asegurou que "non houbo Guerra Civil, só houbo represión".

Foi no marco do 'VII Encontro de Investigadores sobre franquismo', que estes días se celebra en Santiago de Compostela. Grandío, que modera este xoves a sesión de 'Dinámicas políticas durante o franquismo', indicou que en Galiza non se viviu guerra de trincheiras, senón que á sociedade democrática que existía por entón lle puxeron uns barrotes imaxinarios dos que non podían escapar".

"Un golpe que se presumía que ía ser para poucos días converteuse nunha Guerra Civil que durou tres anos", así comezou en Galiza o que Grandío cualifica como "unha represión continuada". Aquí reside unha das claves para comprender en que se diferenciou o caso galego respecto ao resto do Estado. Aínda que en parte se viviu igual que noutras zonas, Galiza dende o primeiro momento cae en mans dos sublevados e "inmediatamente aplicouse unha política represiva". Así, dende o verán de 1936 ata a primavera de 1937 vívese a época máis dura da represión franquista. Coa caída da Fronte do Norte "rebáixanse un pouco estas cotas", boa parte dos perseguidos son apresadas no monte, ou son levados directamente a campos de concentración. Deste xeito, prodúcese unha curva descendente na represión debido "ao descenso do propio número de persoas que teñen que estar vixiadas", aclara Emilio Grandío.

O "terror" como estratexia
Nesas diversas fases que viviu a represión durante o franquismo, "tras a Guerra Civil as estratexias represivas seguen funcionando" e aparece así, un dos elementos fundamentais para explicar a continuidade no tempo do Réxime: "O terror". Segundo sinala Grandío, "non se entende a política franquista e a súa permanencia temporal sen a aplicación dunha política de terror constantemente".

Á hora de sinalar exemplos para ilustrar esta dinámica opresiva levada a cabo, este profesor da USC fala dunha "sensación que non se reflicte en frías cifras" e para exemplificalo expón pequenos detalles do día a día: "Consiste en ter medo a que che entre unha persoa pola noite na casa, que alguén veña a buscar un familiar ou ter a percepción de que te están a perseguir". Aínda que a organización da sociedade civil en Galiza durante a ditadura é similar á doutras zonas no Estado, o caso galego "réxese por unhas pautas de comportamento eminentemente rural", dando lugar así a unha diferenza en canto as formas de vida respecto a outras zonas do Estado.

A muller no franquismo
Este congreso sobre franquismo realízase cada dous ou tres anos nunha localidade diferente do Estado coa intención de poñer en común as investigacións que se están a realizar sobre o tema. Así se analiza dende diversos puntos de vista as teorías que están a xurdir actualmente, dende identidades territoriais, pasando polas dinámicas políticas ou a clandestinidade durante este período.

O 'VII Encontro de investigadores sobre o franquismo' conta coa novidade de diversas mesas redondas respecto a edicións anteriores, e xunto a iso, achéganse novas perspectivas temáticas, como pode ser o papel da muller no franquismo. Grandío recorda que "o mundo da muller na Historia non está expreso no papel, e non obstante é fundamental para entender a clandestinidade ou o poder". O feito é que, segundo aclara este profesor titular do departamento de Historia Contemporánea e de América da USC, o franquismo "colocou esa muller nese lugar, totalmente vinculada ao home".

A experiencia de Tusquets
Pola súa banda, a escritora catalá Esther Tusquets acaba de publicar a última parte das súas memorias, 'Confesións dunha vella dama indigna', onde rememora as súas experiencias persoais marcadas polo franquismo. A autora nacida en Barcelona, mostrou hoxe a súa sorpresa por recibir unha chamada para participar nestas xornadas.

"Tocoume vivilo dende que nacín ata que tiña trinta e pico anos, e foi sinistro. Sobre iso non teño dúbida", aseverou Esther Tusquets para exemplificar o que supuxo de sometemento para a muller durante o franquismo. Unha idea que achegou Tusquets na conferencia de apertura é que, "aínda que pareza que na burguesía non foi franquista ninguén", recoñeceu que recorda os privilexios dos cales gozaba este nivel social. "Recordo o que pasaba, os privilexios que tiñamos e o inxusto que era a situación", confesa. "Cheguei á conclusión de que aquela guerra perderámola", agregou tras recoñecer que ela naceu na clase pertencente ao bando vencedor.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: