A Xunta avanzara xa este mércores a creación do chamado Fondo de Compensación Ambiental, unha iniciativa impulsada ao abeiro do chamado Canon eólico que introducirá o Goberno no novo marco lexislativo para o sector. Con todo, e malia que o executivo cavilara que a totalidade dese fondo revertese en beneficio dos concellos afectados polos muíños, finalmente só o 50% do Fondo estará directamente ao dispor dos gobernos municipais. De paso, o presidente da Xunta aclarou que non todo o diñeiro ingresado a través desta nova taxa irá parar á caixa do Fondo, senón só parte dos recursos derivados.
Segundo os cálculos da dirección xeral de Industria, de aplicarse este mesmo ano e co abano de parques eólicos existente na actualidade, a Xunta ingresaría arredor de 23,5 millóns de euros. De xeito concreto, a taxa eximirá de tributación a aqueles parques con menos de 3 muíños. Os parques de até 7 muíños pagarán até 2.300 euros por máquina, e entre 8 e 15 aeroxeneradores a cantidade sobe a 4.100 euros. Todos os que superen as 15 instalacións pagaran un máximo de 5.900 euros. Asegura a Xunta que isto implica o ingreso acumulado de 600 millóns de euros nos próximos 20 anos, é dicir, unha media de 30 millóns de euros cando os parques froito do proceso que agora se inicia estean operativos. Feijoo chamou a atención sobre o feito de que máis da metade dos concellos galegos terán algún muíño eólico instalado a curto prazo polo que todos eles recibirán as correspondentes "compensacións" saídas do canon.
O presidente da Xunta confirmouno este xoves, á saída do Consello da Xunta onde se certificou a anulación do decreto eólico aprobado durante a anterior lexislatura. Insistiu Alberto Núñez Feijoo en que se trataba dun decreto "ilegal" e indicou que a nova lei que regulamentará o sector en Galiza estará aprobada antes de que remate o ano. Por outra parte, revelou que o novo reparto vaise facer en forma de "paquetes eólicos", é dicir, non todos os megavatios dunha vez, senón en adxudicacións sucesivas, para paliar os "riscos" derivados da aparición de problemas. "Poderanse repartir varios paquetes o mesmo día ou a mesma semana", comentou, censurando a fórmula elixida polo bipartito. "Tardaron tres anos e fixérono mal; nós non podemos permitirnos repetir erros", valorou.