Postos de traballo e viabilidade son os criterios que prioriza este sindicato, opinando que renunciar a concentracións restaría "competitividade" ás entidades.
Para Comisións Obreiras (CCOO) é prioritario que Galiza conte con entidades "propias e saneadas" no ámbito das caixas de aforro. Con todo, valoran que iso non debera impedir que as necesidades de crecemento das caixas fagan necesario o apoio da Xunta "para poder acometer, nas mellores condicións posíbeis, fusións extraterritoriais que garantan a súa viabilidade e melloren a súa competitividade nun mercado tan difícil como o financeiro".
De xeito concreto citan desde CCOO-Galicia o actual ránking estatal e sinalan que a unión das catalás Caixa Cataluña, Caixa Girona e Caixa Tarragona e por outra banda a das andaluzas Unicaja e Cajasol, apartará a Caixa Galicia e Caixanova dos respectivos sexto e noveno lugar que ocupan no conxunto do Estado. Xa que logo, chaman desde Comisións a non desbotar a opción das chamadas fusións interrexionais e insisten en que a viabilidade e solvencia da entidade resultante deses procesos é "o mellor elemento para garantir o emprego en Galiza, sobre todo nun medio sectorial no que van cambiar os tamaños das entidades competidoras".
"As fusións para coller sitio están á orde do día e carece de sentido este suposto nacionalismo financeiro que lle restaría dimensión e competitividade ás caixas galegas", avalían desde esta formación sindical. Por este motivo, valoran criticamente as declaracións da conselleira de Facenda ou do voceiro parlamentario en materia de Economía do PPdeG, Pedro Puy Fraga, quen en declaracións a Vieiros afastara a posición do PP galego da mantida polo seu partido a nivel estatal e indicara que a fusión das caixas do país con entidades de fóra debera ser a última opción da lista para o Goberno.