Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Eleccións Europeas

Onde queda a esquerda irlandesa?

Análise sobre o escenario político debuxado polo electorado irlandés á luz da última cita coas urnas.

María Golpe - 12:00 10/06/2009

Segundo algúns analistas dos medios irlandeses, os resultados das eleccións locais e europeas celebradas na República de Irlanda mostran un xiro á esquerda por parte do electorado do país. Vendo os resultados, a mensaxe do electorado é claramente unha de descontento cos partidos na coalición de goberno: o centrista Fianna Fáil e o partido dos verdes (Green Party).

As urnas déronlle por primeira vez o liderado como partido mais votado a Fine Gael, un rexurdir merecido a Labour e un apoio obvio aos candidatos independentes. A victoria sorpresa de Joe Higgins en Dublín, dalle tamén un eurodeputado ao Socialist Party. Sen embargo, Sinn Féin vén de sufrir a perda da súa eurodeputada, Mary Lou McDonald, e queda sen representante en Europa.

Nas eleccións xerais do 2007, Michael McDowell definía cun xogo de palabras xocoso a Labour, Sinn Féin e Green Party, como a "esquerda, a extrema esquerda e os refugallos" ("the left, the far left and the leftovers"). A frase condensa o limitado espazo que ten a esquerda irlandesa.

O feito de que Fine Gael pasa a ser a primeira forza política implica un cambio de apoio público, pero claramente non de cambio ideolóxico radical da poboación.

Enfrontados tradicionalmente a raíz da guerra de independencia, Fine Gael e Fianna Fáil, son dúas caras da mesma moeda, cubrindo ambos posicións conservadoras no espectro político na república. Co Fine Gael lixeiramente mais á dereita (e membro do Partido Popular Europeo) que o ‘centrista’ Fianna Fáil.

Aínda que a popularidade de Labour (o terceiro partido máis votado) e do seu líder Eamon Gilmore (Labour pasa de ter un eurodeputado a 3) podería traer algunha sorpresa electoral no futuro, está claro que o xiro á esquerda do electorado irlandés é relativo e está aínda lonxe de ser realidade.

Porcentaxe de voto (Primeira preferencia):
-Eleccións Locais
Fianna Fáil 25.4%
Fine Gael 32.2%
Labour 14.7%
Green Party 2.3%
Sinn Féin 7.4%
Outros (Independentes) 18%

-Eleccións Europeas
Fianna Fáil 24.12%
Fine Gael 29.13%
Labour 13.91%
Green Party 1.9%
Sinn Féin 11.21%
Outros (Independentes) 19.72%

Os 12 representantes irlandeses no parlamento europeo 2009:
Fine Gael 4 (mesmo resultado)
Fianna Fáil 3 (obtivo 4 no 2004)
Labour 3 (obtivo 1 no 2004)
Independentes 1
Socialist Party 1


4,31/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: