As formacións conservadoras manterán a hexemonía no Parlamento Europeo.As formacións conservadoras manterán a hexemonía no Parlamento Europeo.
A fortaleza dos partidos gobernantes da dereita en Alemaña e Francia, dous dos países que máis eurodeputados envían ao Parlamento Europeo, racha significativamente a que semellaba ser tendencia dos electores ao castigo ás formacións que ostentan o poder no conxunto da Unión Europea no actual escenario protagonizado pola crise económica.
Á espera de completárense os resultados, as proxeccións que xa poden realizarse apuntan a un Parlamento Europeo dominado por formacións conservadoras. Do total de 736 escanos a repartir, o Partido Popular Europeo obtén a maior colleita, cunha marxe que podería acadar até 273 asentos. Atrás deles, o Partido Socialista Europeo podería conseguir até 165. A terceira forza na Eurocámara sería a Alianza dos Demócratas e Liberais, que chegaría a 84.
Os Verdes-Alianza Libre Europea (formación á que está vencellado o BNG) completaría até 57 escanos segundo as primeiras proxeccións. A Esquerda Unida Europea-Esquerda Verde móvese nun abano que na marxe superior pararía nos 37 eurodeputados. Igual número sería o teito posíbel para a Unión para a Europa das Nacións. Por último, a formación Inndependencia-Democracia obtería un máximo de 19. Sen vencello directo en principio a ningún destes grupos aparece unha marxe de entre 80 e 89 eurodeputados.