Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Eleccións europeas 2009

O medo á abstención

As eleccións europeas viven este domingo a súa principal xornada. En conxunto votan máis de 375 millóns de persoas dos 27 países da UE. O último eurobarómetro indicaba unha participación do 43%.

Redacción - 12:45 07/06/2009

As eleccións deste domingo son as sétimas por sufraxio universal directo no Parlamento Europeo, e en cada unha das convocatorias, a participación foi baixando. Dende o 62% das primeiras eleccións de 1979, pasouse ao 45,5% de 2004. O último eurobarómetro indicaba unha participación de só o 43% nos comicios de 2009.

Por outro lado, segundo os analistas, prevese que a dereita aumente en número de votos, debido, sobre todo, aos sufraxios de castigo aos gobernos de quenda, pola súa xestión da crise económica. Os primeiros escrutinios non se coñecerán até as 22h00, cando peche os últimos colexios de Polonia e Italia.

As eleccións europeas viven este domingo a súa principal xornada, cunha votación na maioría dos estados da UE. En conxunto, con 375 millóns de persoas dos 27 países da UE os chamados ás urnas, dende a pasada quinta feira até este domingo. Eles e elas escollerán os 736 europarlamentarios.

Repunte da dereita
Todo apunta a que o Partido Popular Europeo (PPE) continuará a ser o principal grupo do Europarlamento, con aproximadamente 262 escanos, seguido de perto polo grupo socialista, que se podería quedar con 194 escanos, segundo un estudo da London School of Economics e o Trinity College de Dublín. O terceiro partido máis importante sería o Liberal, seguido do novo grupo conservador -que pretenden fundar os conservadores británicos de David Cameron, co partido do ex primeiro ministro checo Mirek Topolanek, e o grupo polaco Lei e Xustiza dos irmáns Kaczynski-. Os verdes poderían subir dos 43 aos 50 escanos; e Esquerda Unida perdería un, chegando aos 40. Esta previsión tamén lle dá 50 parlamentarios euro-escépticos e de extrema dereita na Eurocámara.

De cumprirse estas previsións, o presidente da UE, o portugués Durão Barroso, podería volver ocupar este seu posto outros cinco anos máis, co apoio de conservadores e liberais. Estaba previsto atoparlle un sucesor a Barroso na vindeira cimeira da UE, que se fará os días 18 e 19 de xuño.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: