Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Loli Rodríguez, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas

"O PSdeG fixo reflexión e autocrítica, pero a partir de agora debe facela de xeito permanente"

As mocidades do PSdeG celebran esta fin de semana o XIII congreso que, previsiblemente, levará a carballesa María Torres á secretaría xeral das XXSS.

R.N. - 11:10 09/05/2009

Logo dun treito de catro anos á fronte das Xuventudes Socialistas de Galicia (XXSS) Loli Rodríguez Amoroso abandona o cargo despois de cruzar o límite de idade estabelecido, e logo de completar un activo treito do colectivo xuvenil dos socialistas que coincidiu coa chegada do PSdeG-PSOE á Xunta. No congreso a celebrar esta fin de semana, está previsto que este mesmo sábado se confirme o nome da nova responsábel máxima da formación que, se non hai novidades, será a avogada carballesa María Torres. Aproveitamos para falar coa secretaria xeral saínte do balance das XXSS durante os últimos anos.


Á piques de deixar o cargo, que é o mellor e que o peor da vivencia destes anos á fronte das Xuventudes Socialistas?

Eu quedaríame co bo, coa xente que encontrei neste camiño. Coa idea de que unha persoa en certos momentos da vida pode pensar que ten unhas ideas moi persoais e que no momento en que decide implicarse nun colectivo ve que non está soa e que comparte un conxunto de valores e obxectivos con moitas persoas. Esa diversidade de pareceres pero todos unidos e compartindo un proxecto, nun camiño onde os compañeiros se converten en amigos, é o mellor deste traxecto. O peor evidentemente é o tempo que rematas dándote conta que lle roubaches á familia e a outros moitos amigos para dedicarllo a este compromiso político.

"Quen somos, que queremos e cara a onde imos". Así din no documento co que se presenta o congreso, o que queren transmitirlle á sociedade. Resúmanos: quen son, que queren e cara a onde van?
Somos unha organización xuvenil que ten moitos puntos de encontro coa sociedade galega. Cunha ampla e plural representación da mocidade do país. Temos vontade de axudar a ser fío condutor cara ao PSOE das demandas e preocupacións da mocidade, pero tamén de levar eses problemas e preocupacións diante de todas as administracións e esixirlles resposta a esas cuestións. Penso que o balance dese traballo é positivo, e agora afrontamos un congreso co que renovar ese compromiso ideolóxico e continuar a nosa tarefa de articular politicamente os temas máis importantes sobre os que demanda actuación a mocidade.

É inevitábel pensar que esta cita das XXSS vai estar condicionada polo recente congreso extraordinario do PSdeG. Aló escoitamos falar á nova dirección de darlle protagonismo á mocidade. Admítese entón que ese protagonismo se lle negara estes anos?
Non necesariamente. Nós temos unha dinámica propia que vai máis alá do partido. Á hora de despregar un traballo propio e botar adiante as nosas iniciativas como colectivo xuvenil, non vemos que existise obstáculo ningún que condicionase a nosa actividade. Así e todo, estamos contentos de que se faga explícita esa aposta e se queira ser máis ambiciosos. Ter a maior voz posíbel sempre foi un obxectivo e creo que desde o proxecto que lidera o novo secretario xeral, Manuel Vázquez, hai unha vontade clara de responder á relevancia das Xuventudes Socialistas. Na propio executiva fíxose oco para persoas moi novas, como é o caso de Ignacio Filgueiras ou de Antonio Sánchez, quen estará ademais á fronte da secretaría de Novas Tecnoloxías, xustamente un ámbito de especial relevancia para a mocidade. Eu son moi optimista ao respecto da relación da nova dirección do PSdeG-PSOE coas Xuventudes Socialistas.

E nese rol secundario das mocidades do PSdeG tivo que ver se cadra a estancia no Goberno?
En certo modo son erros parecidos. Houbo un afastamento da sociedade. Agardo que iso non volva pasar e vexo que o novo secretario xeral, Manuel Vázquez, quere que iso non aconteza. Penso que nós respondemos durante ese tempo estando coa xente a pé de rúa e pulsando as súas preocupacións e problemas. Nesa liña seguiremos e, máis se cabe agora que o PP está no Goberno e ameaza moitos logros sociais. Empregarémonos a fondo nesa loita.

Desde as mocidades do PSdeG verase con especial interese o anuncio da creación dunha "Escola de Formación" para o partido?
Por suposto. Corríxese así un baleiro importante na dinámica do partido. Con probabilidade é unha das mellores iniciativas xurdidas durante o último congreso porque apenas se fixeran accións formativas para a militancia e os cargos. Así e todo, hai que lembrar que precisamente as Xuventudes Socialistas fomos estes anos os que maior esforzo realizamos para proporcionarlle formación á nosa xente. Desde que son secretaria xeral houbo unha oferta periódica de cursos e encontros en cuestións temáticas diversas e materias como marketing político ou comunicación electoral.

Vostede participou no manifesto Sumando Ideas, que partía da convicción de que o PSdeG debía facer unha "profunda" reflexión. Fíxose xa? Con que balance?
Nos últimos tempos e despois do 1M fíxose unha reflexión importante no seo do partido e tamén autocrítica. O manifesto quería abrir un debate, pero non parar aí, senón mantelo aberto de xeito permanente. Mantemos a convicción de que os socialistas impulsamos moitos avances nestes catro anos desde o Goberno pero iso non debe impedirnos recoñecer que se cometeron erros na acción política e que deben ser emendados. Os cidadáns que confiaron en nós merecen que respondamos con axilidade e que canalicemos máis axeitadamente as súas inquedanzas. Propuxemos debate de ideas, autocrítica sen cainismo e aposta pola renovación da estrutura organizativa do partido. A meta é ampliar a capacidade de penetración do PSdeG, gañar militancia e concederlle protagonismo. Pero non pode debaterse hoxe e esquecerse mañá. Necesitamos foros de diálogo permanentes.

Recordamos que vostede comezou a súa pilotaxe das XXSS cun documento de teses políticas onde se facía referencia ao carácter nacional de Galiza. Daquela renxeron algúns sectores do PSdeG-PSOE. Como vai esa batalla interna de sensibilidades?
O partido nunca se meteu nos posicionamentos das Xuventudes Socialistas. É evidente que son moi parecidos. Fomos os primeiros en dar aquel paso e tratamos de que se asumise coa maior das normalidades. Colaboramos a abrir un debate e penso que non tivemos problemas por iso. Nós participamos do partido e estamos seguros do compromiso galeguista que nos une maioritariamente. Vencellado a isto temos tamén unha posición clara co tema da lingua. Desde as XXSS e desde o PSdeG fomos moi claros no compromiso en favor da normalización lingüística e a prol do decreto para a normalización do galego no ensino.

Desde a organización que pide a derrogación do marco legal que protexe a lingua presumen de ter o apoio de membros do PSOE e consideran prioritario presionar para que o PSdeG-PSOE se aproxime ás súas teses. Hai un incremento interno de voces nese sentido?
Para min o apoio á lingua é fundamental e non tería problema ningún en apoiar un ensino100% en galego. Por que non? A lingua debemos defendela afastados de romanticismos e con iniciativas prácticas. O actual escenario de confrontación, favorecido polo PP, non é bo para ninguén. Pero asé e todo, mal favor lle fan os que afondan nesa crispación tanto dun lado como do outro. A actual actitude do PP é moi censurábel, porque as institucións deben ser as primeiras en realizar unha defensa clara da nosa lingua. E non se pode dicir que se defende cando se está pretendendo que non se fale. O uso da lingua como elemento de conflito é un problema inexistente que crea este PP de Feijoo. Se estamos de acordo en que o galego é a lingua propia do país e temos datos que evidencian a súa situación minorizada, é lóxico que as administracións poñan en marcha todas as ferramentas necesarias. E a educativa é unha das máis potentes.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: