A persoa, fose ou non o parlamentario do PPdeG por Ourense, editou reiteradamente os artigos relativos ao PPdeG, o PSdeG e Alberto Núñez Feijoo.
O usuario José Manuel Baltar foi baneado da Galipedia este luns, o mesmo día da súa estrea. Aínda que non está confirmado se se trata ou non do auténtico parlamentario do PPdeG por Ourense e fillo do presidente desa deputación provincial, o certo é que o usuario incumpriu as normas básicas da enciclopedia libre: editar artigos nos que se está implicado directamente, o que racharía a neutralidade da Wikipedia, ou ben suplantar unha persoa.
Pero a expulsión, en principio temporal, debeuse a editar e reeditar reiteradamente varios artigos. Concretamente, os do PPdeG, do PSdeG e de Alberto Núñez Feijoo. Concretamente, nos dous primeiros casos suprimiu as referencias á súa autodefinición como partidos galeguistas e cambiou en varias ocasións o nome Alberte (fixado segundo as regras de estilo da Galipedia) por Alberto.
A pesar de que os seus cambios foron revertidos en varias ocasións, o usuario José Manuel Baltar teimou en repetilos. Foi avisado en varias ocasións para que cesase na súa guerra de edicións particular, até que, finalmente, ás 17 horas, foi expulsado por un mes. A expulsión poderase converter en definitiva se volvese incorrer nas irregularidades.