Repartíronse pasquíns alertando de que "o goberno do BNG e o PSOE pódenche expropiar a túa casa para darlla a outra persoa, se te ausentas un tempo".
Entre a noite do mércores e o xoves pola mañá apareceron por toda Celanova folletos chamando a non votar a PSdeG-PSOE e BNG, e afirmando que se goberna o bipartito "pódenche quitar as terras e darllas a outros coa excusa de que non as traballas" (en referencia ao Banco de Terras) e "o goberno do BNG e o PSOE pódenche expropiar a túa casa para darlla a outra persoa, se te ausentas un tempo" (en referencia á Lei de Vivenda). O deputado provincial do BNG, Alfonso Grande, vén de apresentar unha denuncia por difamación contra responsábeis do PP de Celanova.
Pola súa banda, no Barco de Valdeorras foi o PP quen denunciou ao alcalde socialista da vila, Alfredo García, pola difusión de panfletos asinados por el no que se lía 'Haz caso a tu alcalde. Vota PSdeG-PSOE'. Despois da denuncia, a Xunta Electoral prohibiu esta propaganda e ordenou a entrega nos xulgados de todos os folletos que aparezan asinados polo alcalde.