O conselleiro de Industria e o secretario de Estado de Telecomunicacións asinaron unha addenda que supón un préstamo de 99 millóns á Xunta.
Galiza percibirá cen millóns de euros para mellorar as súas infraestruturas de telecomunicacións. Desa cantidade, o 99% procede de fondos do Ministerio de Industria, que lle achega ao Goberno un préstamo a un prazo de 15 anos. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, asinaron este mércores o acordo.
O convenio ten un importe total de 99,98 millóns de euros. Fernando Blanco salientou que o acordo lle dará pulo ás infraestruturas de telecomunicacións no país, principalmente nas áreas rurais, onde o acceso ás novas tecnoloxías é máis deficiente. Así, case 94 millóns destinaranse á integración das TIC nas áreas rurais, tanto por redes sen fíos como de fibra óptica, mentres que outros 5 serán para financiar o despregamento da TDT no país, de cara a universalizar o servizo antes do apagón analóxico. Finalmente, 1 millón de euros destinaranse a dotar os polígonos industriais de redes de banda larga, complementando as actuacións xa postas en marcha por Innovación e Industria.
A Consellaría lograra o crédito concedido polo Estado Español na reunión da Conferencia Sectorial da Sociedade da Información de decembro de 2007 na que participar a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.
Máis frecuencias
Fernando Blanco indicou que o seu departamento aspira a que Galiza teña servizos de telecomunicacións de calidade e de vangarda, con mellores tecnoloxías e estándares. Para iso, o país deberá contar con licenzas de espectro radioeléctrico coas frecuencias que queden libres despois do apagamento da televisión analóxica. Esas frecuencias servirán para crear redes de telefonía móbil ou de internet sen fíos a nivel nacional, e poderán converter Galiza nun "país atractivo para o investimento dos operadores"