Está en Gales e é a vila con máis tendas de libros por metro cadrado do mundo.
As vilas pequenas sempre lles dan voltas aos miolos para atraer turistas ou, se cadra, novos habitantes para encher o padrón. De entre as propostas que existen, unha das máis orixinais é a do pequeno concello galés de Y Gelli Gandryll que, dende hai corenta anos, é o pobo con máis librarías por metro cadrado do mundo.
Todo comezou encetada a década dos 60, cando o bibliófilo Richard Booth chegou á vila e deu en pensar que os libros poderían pausar un pouco o rápido devir da vida dos habitantes e dos visitantes de Y Gelli Gandryll. Na actualidade, esta vila de dous mil habitantes conta con 30 librarías, entre as que se atopa a de Booth, que ten 400 mil exemplares. Ademais de nas librarías, os volumes teñen unha importante presenza na rúa a través do Hay Literary Festival (Festival Literario de Hay, que se celebra anualmente dende 1988). O evento atrae a perto de medio millón de visitantes ao ano.
A iniciativa de Y Gelli Gandryll inspirou outras moitas vilas polo mundo que se constituíron, nas últimas décadas, en "concellos do libro", sobre todo en Europa. Na actualidade boa parte de pequenas vilas nas que existe unha importante concentración de librarías de segunda man están asociadas á Organización Internacional de Vilas do Libro (IOB). Son lugares como Bredevoort (Países Baixos), Fjærland e Tvedestrand (Noruega), KampungBuku (Malaisia), Montereggio (Italia), Redu (Bélxica), Sedbergh (Reino Unido), St-Pierre-de-Clages (Suíza), Sysmä (Finlandia), Wigtown (Escocia) e Wünsdorf-Waldstadt (Alemaña).