Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas á xuntanza Zapatero-Touriño

"Cero kms de TAV, cero urnas e cero compromisos de financiamento", reprocha Feijoo

O presidente do PPdeG recorda que se incumpre a resolución do Congreso, saída adiante malia o voto en contra do PSOE, onde se fixaba o compromiso de que todos os treitos do TAV estivesen en execución no primeiro semestre de 2009.

Redacción - 17:15 01/08/2008

"Entrou dicindo que ía chegar a acordos e saíu recibindo instrucións", resumiu o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, na súa análise sobre a xuntanza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, co presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero.

Segundo Núñez Feijoo, o único tanxíbel da xuntanza é a creación dunha comisión "entre Touriño e a ministra de Fomento", idea que Feijoo definiu de "comisión entre os dous responsábeis dos atrasos do TAV". Na opinión do líder dos populares trátase dun "revival" de xuntanzas previas onde Zapatero "volve prometer o que prometeu" e Touriño "volve calar ante outro incumprimento grave".

Feijoo queixouse especialmente de que se evite cumprir a resolución do Congreso, aprobada co voto de todos os grupos agás o PSOE, onde se instaba á que no primeiro semestre de 2009 estivesen en execución todos os treitos do TAV á meseta. En canto a prazos, Feijoo agoira que isto implica cando menos un ano máis, xa que para 2009 se anuncia simplemente a licitación das obras. Por outra parte, o presidente do PpdeG denuncia que se "veta" a comisión de seguimento das infraestruturas e entende que "Vigo, Lugo e Ferrol seguirán sen ter tren de alta velocidade". "O voto en urna é como o AVE, din que o farán pero non o fan, e o financiamento o mesmo", conclúe Feijoo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: