Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XABIER ABOI, CIG MAR

"Nas grandes superficies véndese carioca de Boston e a nosa vai para fariña"

Os sindicatos do país non secundarán a manifestación prevista para o venres en Madrid a prol do sector pesqueiro, aínda que a CIG é partidario de axudas ao sector.

Redacción - 18:40 29/05/2008
Cariocas

Cariocas

Este venres ás once da mañá vaise desenvolver unha concentración do sector pesqueiro estatal en Madrid, ás portas do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, que irá seguida do amarre indefinido da frota. A convocatoria, apoiada pola patronal Cepesca e a Plataforma pola Defensa do Sector Pesqueiro, non será secundada polos sindicatos do país.

Xabier Aboi, responsábel de CIG-Mar, reiterou que a forza sindical non apoia a concentración: "Nós non apoiamos a manifestación de mañá. Non imos participar como CIG, aínda que vai haber afiliados da CIG na manifestación". Aínda que compartía as primeiras peticións, outras engadidas pola patronal de Madrid, como os desmantelamentos, "non as imos aceptar baixo ningún concepto".

Aboi amosouse favorábel a unha concentración unitaria pola suba dos prezos dos derivados do petróleo, "non só o gasóleo, porque hai moitos barcos galegos que usan gasolina", e polas importacións de peixe: "Como se pode consentir que se poida vender carioca de Boston como nosa en grandes superficies?", preguntouse, mentres "o noso véndese para fariña". Tamén afirmou que "hai normas da UE que prohiben pescar en determinadas épocas, pero nese tempo chéganos igual peixe de Europa".

Mentres, os responsábeis de Transporte e Mar de CCOO e UXT en Galiza manifestaron que non comparten a petición da patronal de pedir subvencións ao sector para o combustíbel para paliar a crise, afirmando que "dilapida" o diñeiro público. Para eles, a mellor fórmula para resolver a situación pasa pola reconversión da flota.

Estas medidas recibiron as críticas de Xabier Aboi, que dixo: "Nós non imos entrar en temas de reconversión, como a patronal, UXT e CCOO, que din unha cousa aquí e outra en Madrid. Mañá, se queren sentarse nunha mesa cuns obxectivos claros, poderemos saír adiante, como xa fixeron os franceses".

Carme Gallego tamén foi alvo das queixas de Aboi: "A conselleira de Pesca que esperte e deixe de ser un estómago agradecido de Madrid. Cóntanse cos dedos dun man as súas reunións cos sindicatos. É obediente a Madrid, que está coa política de desmantelamento".

Quintana pide sensibilidade
O vicepresidente da Xunta pediulle esta quinta feira "sensibilidade" ao goberno español para afrontar a crise do sector pesqueiro, do que lembrou que é "estratéxico para Galiza", aínda que non pese tanto no produto interior bruto estatal. Anxo Quintana salientou que, nestes momentos de crise, as diferenzas "nótanse demasiado".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: