O software, desenvolvido polo departamento de Gramática do Español, pódese empregar para cinco linguas, incluído o galego.
A Universidade de Santiago publicou o código fonte de tres ferramentas de uso lingüístico baixo a licenza libre GPL. Os programas foron desenvolvidos polo Grupo de Investigación en Gramática de Español da Facultade de Filoloxía.
As tres utilidades están pensadas, en principio, para o seu uso en sistemas Linux e están escritas na linguaxe Perl. A pesar de estaren desenvolvidas polo departamento de lingua castelá, están pensadas para o seu uso tamén en lingua galega, portuguesa, inglesa e francesa.
As ferramentas son un analizador sintáctico, un xerador automático de tesauros e mais un extractor de termos multipalabra.