Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
"Agasallo" urbanístico da Deputación

Finca Santamariña: o "pelotazo" que os tribunais legalizaron en Ourense

PSdeG e BNG prognostican que será unha das últimas "tropelías" de Baltar antes de que os cidadáns lle retiren a confianza definitivamente.

R.Noguerol - 09:00 04/04/2008

A actualidade ourensá axítase estes días co debate sobre a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza respecto do conflito coa Finca Santamariña. Un espazo de privilexio en pleno Concello onde a Deputación de Ourense lle vendeu hai xa seis anos, e sen mediar concurso, arredor de 180 mil metros cadrados á empresa Flager SA polo equivalente daquela a 8,4 millóns de euros.

Trátase dun proxecto inmobiliario que constrinxe o desenvolvemento da cidade nun lugar estratéxico. Ademais, segundo algunhas estimacións os ingresos posíbeis pola venda de vivendas e locais comerciais podería multiplicar esas cifras até uns beneficios de 180 millóns de euros posíbeis. Por todo isto, socialistas e nacionalistas levaron o caso aos xulgados e, despois dunha longa lea, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sorprende agora fallando en favor da Deputación de Ourense.

Paradoxal decisión xudicial que "impide chegar ao fondo do asunto"
Malia que estudan chegar até o Constitucional co caso, analizada a sentenza, PSdeG e BNG, consideran que a xustiza optou por non entrar no fondo do asunto. "Discrepamos ao cen por cento coa sentenza", explica Alfredo García, voceiro provincial do PSdeG, laiándose de que os xuíces eviten darlle saída xurídica a unha "falcatruada co patrimonio público" destas dimensións. Os socialistas basearan a súa denuncia en subliñar o esaxerado baixo prezo ao que segundo eles accedera a Deputación para ceder os predios, e consideran que o presidente da institución, Xosé Luís Baltar, facilitou un "agasallo" que podería ter proporcionado ate 20 ou 30 millóns de euros máis para a caixa pública.

Desde o BNG van máis aló e, segundo o voceiro nacionalistas, Xosé Manuel Pérez Bouza, a venda xorde xa no seu momento "na ilegalidade da propia venda", considerando inadmisíbel que se pechase unha operación dese calibre directamente coa empresa. Critican ademais que a Deputación se desfixese dun "magnífico espazo" sobre o que debera ter planificado posíbeis usos para dotacións públicas e do que se desfixo a prezo de "saldo" deixándoo en mans privadas e facilitando un proxecto "desmesurado" e do que opinan que "non irá en beneficio da calidade de vida dos cidadáns".

Exemplo dun modelo "caciquil" que esmorece en Ourense
"Os cidadáns xa comezaron a opinar o 9 de marzo pasado que isto é a fin dun modelo", advírtelle ao PP o voceiro socialista. Na opinión de Alfredo García, o funcionamento "personalista e caciquil" co que o PSdeG define as prácticas do PP liderado por Baltar á fronte da Deputación de Ourense, chegaron a un punto de inflexión que os levará a perder definitivamente a confianza dos cidadáns en toda a provincia. "Todos os cidadáns saben que é o pelotazo do século", subliña García.

No mesmo sentido, Xosé Manuel Pérez Bouza avisa de que o BNG seguirá trasladándolle aos cidadáns "a responsabilidade política" que o PP e Baltar teñen neste tipo de actuacións realizadas "en contra dos intereses de todos os cidadáns". Socialistas e nacionalistas coinciden así en que, unha vez pechada a vía xudicial, seguirán pola vía política, denunciando o "desbalde" feito cos recursos dos ourensáns.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: