É a comunidade autónoma máis beneficiada polas axudas, que se destinarán a completar a cobertura da banda larga e da TDT.
O goberno estatal repartiu este venres entre as diferentes comunidades autónomas préstamos a xuro cero para a extensión de infraestruturas de telecomunicacións no ano 2008. Galiza, que estivo representada pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, foi a máis beneficiada, con 77 millóns de axuda, o 19% do total.
Por outra banda, Veiguela negociou novos préstamos para a difusión da sociedade da información entre a cidadanía (20,7 millóns de euros) e as empresas (22,9 millóns de euros), máis outros 6,9 millóns de euros que o Estado destinará a desenvolver o plans Avanza e PEBA (de banda larga ás zonas rurais e illadas) no país.
A Consellaría de Innovación e Industria destinará unha parte do orzamento a completar a extensión da banda larga nas zonas onde a infraestrutura aínda non o permite, e outra para finalizar a cobertura da televisión dixital terrestre (TDT) no país. O departamento está a ultimar a redacción do Mapa de Infraestruturas de Telecomunicación para priorizar as actuacións nas zonas carenciais do territorio.
A Xunta dispón dun prazo de devolución do préstamo de 15 anos, e non ten que comezar a pagar até dentro de tres anos.