O mellor do cinema galego en varias cidades do norte de Portugal, grupos de música dunha e doutra banda a faceren intercambios culturais... Intercambios pioneiros e actividades que non entenden de fronteiras.
Son algunhas das propostas de Audiência Zero para estes primeiros meses do verán. O Posto Xuvenil Transfronteirizo de Tui, en colaboración co de Braga, Audiência Zero, a Axencia Audiovisual Galega e o FNAC presenta dúas actividades que non entenden de fronteiras: dunha beira e outra do Miño xúntanse grupos de música, filmes e creatividade ás mancheas.
O cinema galego será o protagonista no Passos Manuel do Porto durante os próximos meses, adubado con algún concerto: o día 26 de xuño, ás 20.00, poderemos ver Lena, de Gonzalo Tapia. Nela, Marta Larralde encarna a unha rapaza que vive en Vigo co seu pai alcohólico. O 28 ás 22.30 toca concerto, con OrangoTang, banda de Mondim de Basto, para escoitarmos indie rock en portugués. Con eles estarán Moon Cresta, banda power funk, que recupera os sons dos 70.
Máis cinema o 24 de xullo: ás 18.00 poderemos ver Trece badaladas, de Xavier Villaverde, baseada na novela homónima de Suso de Toro. Xa o 26 deste mes, novo concerto ás 22.30 con Fat Freddy: Guedes Ferreira e Nuno Serafim Oliveira transportarannos a outra galaxia. Xunto con eles, Triángulo de Amor Bizarro, recén lanzados aos escenarios o pasado mes de febreiro.
Historias galegas espalladas por Portugal
Máis audiovisual galego: as mellores curtametraxes galegas do 2006 proxectaranse nos FNAC de diferentes cidades portuguesas. Audiência Zero, a través do seu Projecto Eixo Norte/Galiza, trae a Portugal unha selección realizada pola Axencia Audiovisual Galega das mellores curtas galegas do 2006. Ficción, animación e creación experimental serán proxectados nas Fnac de Gaia, Porto e Coimbra o 11 e 12 de xuño, e en Matosinhos do 12 ao 13. Son nove filmes, cunha duración total de 114'.
Na primeira sesión poderanse ver Carne de canón, unha obra de animación de carácter experimental, enmarcada nunha illa do Caribe no século XVII; Meniña, a historia dunha moza que se reencontra coa súa nai, e ao mesmo tempo, ten que se enfrontar aos fantasmas do seu pasado; Cousas de Koulechov e A flor máis grande do mundo, baseada nun conto de Saramago.
Na segunda, Premio, que conta a vida de Tín, a quen nada lle pode facer máis feliz que participar en todos os concursos que pode; Longo sendeiro de pedra, unha colaxe preciosista de imaxes; Sen chumbo, que vén de arrasar en Cans; A meiga chuchona, curta de animación sobre unha lenda galega; e Rosa dos ventos, unha historia prototípica da Costa da Morte.