Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE

“O noso reto é lograr a normalización cultural do país”

Este xoves comeza en Pontevedra Cultur.gal, a Feira do Libro e da Industria Cultural, que durará catro días.

Redacción - 17:31 09/05/2007
Alfonso García Sanmartín

Alfonso García Sanmartín

Co pregón de Quico Cadaval arranca o xoves 10 ao mediodía en Pontevedra a primeira feira dedicada ao libro e a industria cultural do país, que organiza a Asociación Galega de Editores. Serán catro xornadas en que estarán presentes expertos no sector editorial entendido dende unha perspectiva multimedia.

O programa de actividades non esquecerá os máis cativos, que teñen un apartado especial reservado. O presidente da entidade promotora do Cultur.gal é Alfonso García Sanmartín, quen se amosou ilusionado por un evento longamente agardado.

Vieiros: Como naceu a idea de crear o Cultur.gal?

Alfonso García Sanmartín: É a continuidade dun proxecto que xurdiu hai case dez anos. Na etapa de Damián Villalaín pretendíase achegar o libro galego ao público. Creouse unha especie de exposición que foi percorrendo as cidades galegas. Nas valoracións que se foron facendo chegouse á unha proposta de convertelo nunha especie de feira. De aí naceu. O obxectivo fundamental de Cultur.gal é achegar o libro galego ao público. A idea ampliouse, e agora preténdese achegar a oferta cultural galega, incluíndo o mundo do audiovisual, da música e das novas tecnoloxías.

V: As novas tecnoloxías teñen unha presenza fundamental no salón.

A. G. S.: Non tería lóxica ignoralas. É unha proposta de futuro á que nos temos que abrir. A edición hoxe é máis global e non vai estar limitada ao papel, aínda que iso tampouco significa que vaia desaparecer.

V: Tamén se busca normalizar o uso do galego nas industrias culturais?

A. G. S.: Temos una idea que defender. As editoriais nacen cun compromiso lingüístico e cultural. Pero non se pode caer no voluntarismo e acabar morrendo, dependendo só do entusiasmo inicial. Témonos que transformar en industria. Na feira tamén terán presenza editoriais galegas que publican en castelán e mesmo noutras linguas. É tamén unha mostra do pulo que vai adquirindo o mundo da edición. Haberá xente que contribúa á normalización da cultura. Ese é o reto: lograr unha normalización cultural do país, o que leva consigo a normalización lingüística.

V: Cales son as expectativas?

A. G. S.: Apostamos por Cultur.gal de todo corazón e con moito entusiasmo, e esperamos que o público nos acompañe, despois de todo o esforzo que puxemos nela.


4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: