A universidade compostelá pretende fomentar o transporte alternativo entre os membros dos campus de Lugo e Santiago.
Un grupo alumnos, persoal administrativo e profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) serán os usuarios das 70 bicicletas que, dentro dun programa de empréstito, poderán utilizar nos vindeiros meses como unha iniciativa para fomentar o transporte alternativo ao automóbil nos campus compostelán e lucense.
A iniciativa foi presentada esta corta na capital galega pola vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, Paz García, o director xeral de Desenvolvemento Sustentábel da Xunta, Emilio Fernández, o coordinador de Verdegaia, Xan Duro, e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sustentábel da USC, Dora Blanco, como representantes de todas as institucións implicadas na súa execución.
500 solicitudes
Malia se recibir ao redor das 500 solicitudes para optar a unha destas bicicletas en empréstito, finalmente só se puxeron a disposición dos participantes neste proxecto piloto corenta para o seu uso no campus de Santiago e trinta no de Lugo.
Os participantes en Compostela xa puideron recoller as súas bicis -xunto cun casco, unha cadea, un chaleco reflectinte e un folleto informativo- na Residencia Monte da Condesa, mentres que a repartición en Lugo farase a vindeira semana.
Carencia de carrís-bici
Dora Blanco recoñeceu que se fixera un estudo previo que serviu para constatar o problema da ausencia de carril-bici tanto en Santiago coma en Lugo, ao tempo que indicou que se verá se hai lugares abondos para o estacionamento destes vehículos. Porén, asegurou que nos centros da USC si hai lugares habilitados para aparcar.
Ademais, vanse desenvolver conferencias sobre como se mover en bicicleta -mañá en Santiago e semana en Lugo--, que serán impartidos polo coordinador de Verdegaia, Xan Duro, quen na presentación do programa dixo que ver a xente en bicicleta "terá un efecto chamada" e animará a novos usuarios.