A Mesa di que Política Lingüística se "desentende" e solicítalle á Conselleria de Industria que lidere o proceso.
Os móbiles poderán ter menús na nosa lingua cun acordo como o catalán
Hai unhas semanas, a Generalitat de Cataluña asinou un acordo cos principais fabricantes de móbiles e cos catro operadores de telefonía celular para normalizar o uso da lingua catalá, tanto na atención ao cliente coma nos menús dos terminais. Esa medida podería ter o seu reflexo no noso país se a Xunta fai o mesmo.
A Mesa lembra que xa leva varios anos reclamándolle ao Goberno un acordo semellante ao que acadou a Generalitat. Segundo a asociación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística incumpriu a súa obriga de facer esas xestións para garantir o uso da nosa lingua no eido da telefonía móbil.
Como dan “por perdida” a vía de Política Lingüística, avogan por que sexa a Consellería de Innovación e Industria a que lidere as negociacións cos fabricantes e cos operadores. Deste xeito, acadaríase un status de normalización da lingua semellante ao que xa ten o catalán.
No acordo da Generalitat, as empresas Nokia, Motorola, Grundig, Alcatel e Sony-Ericsson, que abranguen o 90% do mercado, comprometéronse a introducir nos terminais e nas súas guías a lingua catalá, e ás operadoras Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo a facilitaren o troco dos aparellos con campañas publicitarias e a ofreceren a súa comunicación na lingua propia da comunidade.
Pola súa banda, o executivo catalán comprometeuse a apoiar institucionalmente as campañas das empresas de telefonía a prol do idioma e a facilitar asesoramento lingüístico. A Mesa confía a que un acordo semellante no noso país se materialice antes de rematar a primavera.