Os galardóns, dez en total, entregaranse o xoves no Auditorio de Galicia.
Imaxe promocional dos premios
Optan ao premio á iniciativa as empresas Arume Desenvolvementos Informáticos, da Coruña; E2E Information Services, de Vigo, e Quobis Networks, do Porriño. Na categoría de software libre son finalistas o Centro de Supercomputación de Galicia, de Compostela; o IES Chan do Monte, de Marín, e Imaxin Software, tamén de Santiago.
A distinción Net-Art ten como aspirantes Imaxina Novas Tecnoloxías, do Grove, e Interacción CIM e Visual Publinet, de Vigo. Optan á mellor comunicación web a coruñesa Cristina Ayala, Interacción CIM de Vigo e Editorial Compostela, de Santiago.
Poden levar o premio a mellor aplicación online Satdata Telecom, de Culleredo; Pexego Sistemas Informáticos, de Lugo, e Loroestudio, de Ferrol. Na categoría de comercio electrónico compiten Guillermo e Hijos, de Monforte de Lemos; Información e Comunicación Local, de Compostela, e IP Publicidad y Multimedia, grupo Femxa, de Vigo.
Escolléronse como mellores campañas publicitarias na rede a de Galicia Calidade, elaborada por Abertal Networks, de Carballo; a de Pescanova, feita por Galiciabanner, de Vigo, e a de Formación Profesional da Consellería de Educación, realizada por La Nuestra Comunicación Publicitaria, de Oleiros.
Por último, aspiran ao galardón á tecnoloxía máis accesíbel Arume Desenvolvementos Informáticos, da Coruña, o Concello de Abegondo, e TADEGa.net, da Coruña. Ademais, entregarase un premio especial ao proxecto, entidade ou persoa que contribuíse a dar a coñecer a realidade galega na rede e a promocionar as novas tecnoloxías no pais.
O xurado escolleu tres finalistas para cada categoría dun total de 163 candidaturas presentadas. O acto de entrega será o xoves ás seis e media da tarde no Auditorio de Galicia, en Compostela, coa presenza do conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco.
É a cuarta edición duns premios creados no ano 2003 pola Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), coa intención de estimular a expansión da Sociedade da Información por parte de empresarios, profesionais e creadores.