Tal e como anunciou Touriño o pasado martes, o Consello da Xunta acordou establecer o programa de gratuidade de libros de texto a toda a educación primaria no curso 2005-2006. A pesar da oposición dos representantes dos libreiros e do sector editorial, o goberno galego decidiu ampliar a orde do 13 de maio de 2005 pola que se convoca e regula o programa de gratuidade de libros de texto en centros sostidos con fondos públicos para os niveis obrigatorios e de balde para o curso 2005/2006. A ampliación inclúe os cursos que ata o momento non eran obxecto da dita convocatoria e consolídade o mesmo sistema de préstamo. Touriño anunciou tamén a creación dunha mesa de traballo co sector do libro "para analizar e avaliar os impactos da medida e poñer en marcha o programa de actuación que contribúa a mellorar a situación e a posición competitiva do sector de libreiros en Galicia".
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego destacou que esta medida é "unha boa noticia para miles de familias galegas". A súa aplicación beneficiará a máis de 82.000 fogares e preto de 123.000 alumnos. En opinión de Pérez Touriño, trátase dun "programa de gratuidade moi importante" e dun "esforzo económico financeiro" igualmente importante por parte da Xunta. Segundo informou, a Administración galega realizará unha achega adicional de 7.340.000 euros, para acadar unha cifra total de 13 millóns de euros.
"Galiza pasa, deste xeito, a ser a segunda Comunidade Autónoma de España que acada este obxectivo da gratuidade total dos libros de texto na educación primaria xunto con Castela-A Mancha e ao mesmo tempo que a Comunidade de Aragón", manifestou o titular da Xunta. Así, -dixo- "Galiza colócase á cabeza" do Estado neste tipo de "axuda social ás familias" e se achega ao modelo europeo, onde "na práctica totalidade dos países" xa está plenamente implantada, exceptuando a Irlanda, España e Portugal.
Oferta de diálogo co sector do libro
O presidente da Xunta indicou que "este goberno quere e está en disposición de dialogar" co sector do libro e indicou que "mesmo dende a presidencia, onte se tomara contacto con eles" e que "hoxe o conselleiro de Industria recibiu unha representación" deste colectivo e que a vindeira semana "se arbitrará este grupo de traballo e unha primeira xuntanza coa Federación de Libreiros de Galicia".
Touriño deixou claro que a Administración autonómica está "en disposición de traballar conxuntamente co sector" e estudará as "medidas que axuden á modernización, á incorporación de novas tecnoloxías, á especialización e axuden a mellorar a situación competitiva do sector de librerías". Para rematar, sinalou que "todo iso será compatíbel co dereito irrenunciábel da sociedade e coa prevalencia da igualdade e do criterio social", presente "á hora de tomar esta decisión que foi ben asumida pola sociedade".
Xuntanza entre o conselleiro de Industria e Comercio e os representantes dos libreiros
Pouco antes do Consello da Xunta, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e a Directora Xeral de Comercio e Consumo, Ana Rúa, reuníronse con carácter de urxencia, co Presidente da Federación Galega de Libreiros, Xaime Corral, para coñecer de primeira man a situación do sector e as súas demandas.
Nesta reunión acordaron constituír unha grupo de traballo no que participarán representantes dos libreiros, dos editores e representantes do Goberno galego para analizar como afecta a gratuidade dos libros de texto ao sector editorial, ao pequeno comercio e á industria do libro no seu conxunto e buscar alternativas que permitan paliar os seus efectos.
O PPdG congratúlase desta medida porque é a ampliación dunha política iniciada pola Xunta de Fraga
Para o Partido Popular, a aprobación desta medida é un síntoma de que o novo goberno galego "atopou unhas contas públicas saneadas e con suficiente capacide de manobra". Nun comunicado, o PPdeG "congratúlase de que, con esta medida, o novo Executivo autonómico continúe a desenvolver un programa iniciado polo Goberno anterior hai da dous anos". Os "populares" consideran, porén, que esta é unha "medida tardía, que debería ter sido articulada con máis antelación, evitando así inconvintes a pais (moitos dos cales xa mercaran os libros), persoal docente e profesionais vinculados ao mundo editorial".