A Asociación de Editores Galegos manifestou a súa oposición á modalidade de préstamo elixida supostamente pola Xunta para establecer a gratuidade dos libros de texto en todos os niveis do ensino primario para o vindeiro curso, tal como anunciou onte o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. "Nin os editores nin os libreiros merecemos ser considerados como danos colaterais da acción do goberno", asegurou Manuel Bragado, secretario da AGE.
Os editores mostraron o seu "profundo malestar" por non seren consultados nin información sobre esta nova medida e propoñen ao goberno galego a creación con carácter urxente dunha "Mesa técnica sobre a gratuidade", constituída por representantes do sector do libro e da administración e "consensuar un modelo que faga posíbel a implantación da medida, ao tempo que non impida a mellora da calidade dos manuais escolares e favoreza o aumento dos índices de lectura e edición na nosa lingua".
Para Miguel Anxo Fernán Vello, presidente da AGE, "a impresión que produciu no sector do libro o anuncio da ampliación da gratuidade para os libros de texto foi un efecto de choque". Pola súa parte, Bragado engadiu que a medida, nos termos na que foi comunicada, demostra "un escaso coñecemento do sector do libro galego". Os editores consideran que a modalidade de préstamo "prexudica severamente as librarías galegas e condena ao conxunto do sector editorial a unha crise de viabilidade irreversíbel". Aseguran tamén que esta medida "levará á reconversión ás empresas editoras" e "ten un carácter negativo desde o punto de vista pedagóxico e escasamente redistributivo desde o punto de vista social, xa que suporá que unha importante parte dos fondos para a compra de libros se destinará a atender gastos de tarefas impropias da función educativa, como manter e xestionar almacéns de libros".
Por último, os editores propoñen ao goberno galego que leve a cabo "unha reflexión sobre as consecuencias que conlevaría a aprobación precipitada da medida no Consello da Xunta do día 8 de setembro" e reclámanlle ao presidente da Xunta que se reúna "de forma inmediata" cos representantes do sector do libro afectados.